A exposición de Isidro Tascón, “Elixir”, achega a Ourense o corpo e a alma da vella botica

Presentación da exposición “Elixir”
“É a fórmula máxica para curar o corpo e a alma a través das lembranzas dunha vella botica”. Así resume o artista Isidro Tascón a exposición “Elixir” que hoxe foi presentada no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense e que será inaugurada esta tarde ás 20.15 horas neste mesmo espazo expositivo. A mostra, integrada por 50 pezas de pequeno formato –fotografías e gravados- reflicte o que foi as décadas de vida dunha botica de Ourense, hoxe pechada, pero que agocha no seu interior ese mar de sensacións, sentimentos e historias por contar que Isidro Tascón nos ofrece a través dunha serie fotográfica e dun conxunto de gravados que supoñen o achegamento de Tascón á fotografía e afondan entre a relación entre o pictórico e o fotográfico.
O acto de presentación da exposición contou, ademais do artista, coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do director do Centro Cultural, Francisco González; o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e do xerente de Seur Ourense e da Fundación Seur, Julio López.
Rosendo Fernández dixo que esta “é unha mostra para pensar e reflexionar sobre a nosa historia da man dunhas fotografías que nos trasladan a unha vella botica por todos coñecida en Ourense”, e engadiu que se exhibe “nun escenario cosmopolita e por excelencia da nosa cultura” como é o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense.
Pola súa banda, Isidro Tascón explicou que a mostra exhibe “unha dualidade de contrarios” e representa “o espiritual en forma concentrada, un remedio máxico para o corpo e a alma”, de aí o nome da mostra: “Elixir”, que amosa fotos, gravados, madeira, metal e elementos elaborados co tecido xaponés.
O catálogo da exposición, deseñado con cubertas de cartón, inclúe unha folla descritiva da exposición a modo de antigo prospecto farmacéutico, e recolle en fotografías e notas biográficas as imaxes da exposición e a traxectoria de Isidro Tascón, leonés, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, e que conta cunha longa traxectoria de exposicións, tanto en España como en Europa. A mostra, que conta co apoio da Fundación Seur, poderá visitarse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” ata o 27 de abril.











