publicidade hoxe

A empresa Panelship de Ponteareas finalizou a súa ampliación grazas as axudas do Igape

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Panelship

Cores Tourís na visita a Panelship

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Ponteareas para coñecer as melloras executadas na planta da empresa Panelship grazas as axudas do IGAPE aos proxectos de investimento empresarial cofinanciados con fondos FEDER.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Ponteareas, Salvador González, o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como os representantes da empresa, Mauricio Gómez e Gonzalo Román.

O delegado territorial puido así coñecer a ampliación desta firma financiada a través das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica e que supuxo un investimento global de 501.687 euros dos cales 55.187 procederon de fondos FEDER. O obxectivo dos traballos foi a ampliación dunha fábrica de paneis e sistemas modulares en aceiro que conta con oito empregados e xera un volume de negocio anual de case 1,9 millóns de euros.

As obras supuxeron a creación dunha liña de prensado quente, doutra liña de corte de formato ancho e encolado, así como a instalación de polipasto eléctrico e diversa maquinaria.

Cores Tourís aproveitou para recordar que no eido da competitividade, a administración autonómica segue a apostar polos emprendedores tanto a través da Lei do emprendedor como das liñas de axuda do IGAPE que, nos últimos anos, permitiron conceder apoios por preto de 600 millóns de euros e mobilizar investimentos por un valor superior aos 2.300 millóns de euros.

“Galicia é a primeira comunidade en utilizar fondos Feder e fondos propios en materia de innovación en todas as convocatorias europeas e estatais, o que que ven a demostrar a aposta da Xunta pola promoción dos investimentos que poidan xerar riqueza e crear emprego, favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio, un dos obxectivo básicos do Instituto Galego de Promoción Económica”, matizou o delegado territorial.

Panelship, do grupo Maderfri, con sede central en Ponteareas e delegación no estado de Tamaulipas en México e Houston en USA, deseña, fabrica e distribúe os elementos de pechamento modular para o sector marítimo e offshore como paneis, teitos, portas, chans, aseos modulares…. así como todo tipo de equipamento interior xa sexa mobiliario en aceiro inoxidable ou madeira, cociñas, cámaras frigoríficas ou maquinaria industrial. Esta empresa traballa, dende fai xa varios meses, en novos proxectos para PEMEX. A súa exportación supuxo un porcentaxe do 60% sobre a súa facturación total, contratando tamén importantes obras en estaleiros como Cardama, Zamakona ou Balenciaga.

Panelship S.L.U. naceu a través dun proxecto apoiado polo GDR-17 da comarca do Condado-A Paradanta. Os responsables da mesma partían dunha nave de 1.000 metros cadrados situados no polígono de A Lomba en Ponteareas. Contaron cunha axuda de 200.000 euros a través de fondos Feader, Marm e Agader que supuxeron o 41,5% do orzamento total de investimento que roldou os 540.000 euros.

Precisamente, en relación aos proxectos Agader, o delegado territorial recordou os 9,1 millóns de euros que se destinarán no plan financeiro 2013-2015 ás seis asociacións de desenvolvemento rural da provincia, dos cales, 1,4 millóns corresponderán a Condado-Paradanta.

18 de febreiro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.