A Domus participa nunha plataforma europea para a creación e intercambio de contidos educativos
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da participación da Domus no proxecto Virtual Science Hub (ViSH), unha rede social para profesores e científicos a través da que colaboran en actividades de ensino da ciencia.
Unha das iniciativas é a creación de excursións online que consisten en presentacións con diversos recursos como imaxes, vídeos, xogos ou simulacións que proporcionan aos estudantes experiencias interactivas.
Ademais, dentro deste proxecto, celebrouse un concurso de excursións, no que a impulsada desde a Domus gañou o segundo premio na categoría de Humanidades. Baixo o título Sobran as palabras, aborda o tema da comunicación non verbal, unha proposta que forma parte da exposición Xogo de Neuronas que pode visitarse na Domus.











