A Deputación presenta o Plan “Ourense é a provincia termal”

Presentación do Plan Ourense
O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe a presentación do Plan “Ourense é a provincia termal”, nun acto que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e que contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar. Especialización, novos produtos, modernas infraestruturas e promoción son as liñas estratéxicas do plan, orzamentado en 94 millóns de euros para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do termalismo.
Precisamente Baltar referiuse ao plan afirmando que é o momento “de pasar das palabras aos feitos, porque a nosa provincia foi, é e seguirá sendo un referente termal internacional”. Manuel Baltar dixo que no desenvolvemento do plan o Inorde, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, ten un protagonismo especial, “polo xa feito, polo aportado, e polo que fará para que sexa unha realidade. Un organismo sobre o que pivotará a política provincial nesta área estratéxica”.
O presidente provincial agradeceu no seu discurso a implicación da Xunta de Galicia no plan afirmando que esta aposta conxunta, Deputación-Xunta, “é un eixo claro de desenvolvemento de Ourense. Por ir da man neste “mar interior” que é a nosa provincia, e por presentar hoxe este papel, que non debe quedar en papel mollado, nunca mellor dito, senón polo que si hai que mollarse”.
Baltar pediu ao presidente da Xunta que defenda “con toda contundencia” o plan no novo escenario de fondos comunitarios 2014-2020, para que recibamos os orzamentos necesarios para impulsar como nunca esta provincia e dotarnos dunha personalidade que sempre tivemos pero que agora nos situará na vangarda do benestar, do relax e da saúde. Unha provincia para desconectar e para a que pido prioridade absoluta”.
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo dixo que o plan termal “será a folla de ruta para o termalismo, o turismo e o emprego para Ourense nos vindeiros sete anos”, e lembrou que o termalismo “é un eixo prioritario, e o plan que hoxe presentamos demostra a necesaria unión de esforzos para levalo adiante”. Núñez Feijoo destacou como elementos fundamentais do termalismo a fidelización e a desestacionalización, como obxectivos para prolongar a estancia do turismo en Galicia. “Termalismo e Camiño de Santaigo son os dos grandes reclamos de Galicia”, dixo o presidente galego.
Pola súa banda, Mario Crecente, responsable técnico da consultora que desenvolveu o plan, explicou que as liñas de actuación baséanse en definir novos produtos termais, como as concesións ao aire libre, para o que se fai necesario establecer unha norma baseada nestes centros de benestar. Tamén falou duna “especialización intelixente do termalismo”, e da necesidade de “traballar buscando a diferenciación e a evolución e modernidade do termalismo”.
Crecente explicou que hai que aproveitar e coordinar todas as infraestruturas balnearias da provincia de Ourense e crear un “termalismo corporativo que permita realizar unha axeitada xestión de todos os recursos termais”. Cultura, investigación, valorizar o patrimonio e promocionar axeitadamente o ámbito termal son tamén, en opinión do técnico, “eidos nos que hai que afondar para que a marca “Ourense” e “Termal” vaian da man, se poda comercializar e chegue a todos os mercados, de ámbito nacional e internacional”. A elo engadiu aspectos que son necesarios potenciar como a cosmética termal e o sector textil adaptado ao termalismo, “como trazas de identidade que nos poden diferenciar, aproveitando ademais as infraestruturas ferroviarias para atraer máis turismo en menos tempo”.











