publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra saca a concurso obras en Valga, Cambados e Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedraValgaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe a convocatoria do procedemento aberto para a contratación de obras nos concellos de Valga, Vilagarcía de Arousa e Cambados por un importe total de máis de 351.000 euros.

Trátase da mellora dos servizos urbanísticos da praza de Abraldes e das rúas Triana e Bimbio no contorno da praza de Fefiñáns en Cambados, da reforma do pavillón da rúa Castelao en Vilagarcía de Arousa e das obras de saneamento en varios núcleos rurais do concello de Valga.

As empresas interesadas en executar estas obras terán de prazo ata o vindeiro 3 de marzo para presentar as súas ofertas.

No caso da reforma do pavillón de deportes da rúa Castelao, os traballos terán por obxecto corrixir as numerosas deficiencias que presenta na actualidade e dotalo dunhas instalacións modernas e adecuadas para a práctica do deporte.

Deste xeito, procederase á reparación da estrutura, que neste momento presenta desprendementos de formigón, que deixan á vista ás armaduras. Trátase de eliminar o óxido das pezas metálicas, repicar e sanear as zonas danadas e aplicar os correspondentes tratamentos antióxido e as necesarias capas de morteiro de reparación.

Na cuberta será preciso eliminar as filtracións cunha manta de fibra de vidro para mellorar o illamento térmico e instalarase unha nova cuberta exterior de chapa. Así mesmo, retiraranse as correas metálicas que sustentaban o antigo falso teito e que agora resultan innecesarias. A parte interior da cuberta pintarase en cor negra ou gris escura e as paredes interiores en cor clara para darlle luminosidade ó pavillón.

Dotarase a instalación dun novo e completo pavimento deportivo e abrirase unha porta de evacuación a través da galería comercial do edificio número 15 da rúa Castelao, co obxectivo de dar maiores garantías de seguridade á instalación, que na actualidade só dispón dunha porta de acceso.

O orzamento total da obra é de 144.089,73 euros e terá un prazo de execución de catro meses.

Saneamento en Valga

No concello de Valga, saen a concurso as obras de saneamento dos lugares de Vilar, Carracido, Cotriños, Bronllo e Barro cun orzamento de 140.047,12 euros e un prazo de execución de seis meses.

Con esta actuación preténdese estender o saneamento a estes núcleos, para eliminar pozos negros e fosas sépticas e evitar posibles focos de contaminación ambiental, co obxecto de dar resposta ás demandas dos veciños das parroquias de Cordeiro e Setecoros que pertencen ós anteriores núcleos.

A rede de saneamento que se instalará pegada á liña de fachada das edificacións existentes realizarase cun tubo de PVC de 315 mm. Ademais, construiranse os correspondentes pozos de rexistro e procederase á reposición do firme afectado.

Urbanización do contorno de Fefiñáns

En Cambados as obras contan cun orzamento de 66.910,25 euros e terán como obxectivo completar a urbanización do contorno da praza de Fefiñáns, mellorando a praza de Abraldes, a rúa Bimbio e a rúa Triana que actualmente presentan un pavimento de formigón moi deteriorado e servizos urbanos desfasados.

As obras incluirán a canalización de forma separada das redes de saneamento de fecais e pluviais, a renovación da rede de abastecemento e a substitución do actual pavimento de formigón por  outro de lousa de pedra nas beirarrúas e de taco de granito na calzada.

Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses.

5 de febreiro de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.