A Deputación de Pontevedra editará un libro coa historia do Rápido de Bouzas polo seu centenario
A Deputación de Pontevedra construirá no campo de fútbol do Rápido de Bouzas unha aula que dará servizo á escola deportiva deste emblemático club vigués e colaborará durante este ano na edición dun libro que repasará a historia da entidade.
Así quedou reflectido esta mañá no convenio de colaboración subscrito polo presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, co Rápido de Bouzas, polo cal a Deputación se compromete a colaborar nos actos programados con motivo do centenario desta entidade deportiva viguesa.
Acompañado do vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa e da deputada Marta Iglesias, os responsables do organismo provincial cualificaron o Rápido de Bouzas como un símbolo de Vigo, do deporte local, e unha icona sen a cal non podería entenderse a parroquia de Bouzas; preto de 20.000 mozos da cidade formáronse deportivamente neste club ó longo da súa historia. “Sodes un club emblemático en Vigo, tanto no deportivo coma no social, e sempre contaredes co noso apoio”, subliñou Figueroa.
O presidente da entidade boucense, Manuel Seoane, agradeceu o esforzo e a colaboración da Deputación de Pontevedra nos actos conmemorativos do centenario. Para esta entidade deportiva cumprir 100 anos é “o maior acontecemento vivido na nosa historia”.
Louzán puxo de manifesto que a Deputación de Pontevedra “é a Administración que máis pode presumir de apoiar o deporte base en Vigo e, moi especialmente, o fútbol”.
O convenio, que compromete a Deputación a ser un dos patrocinadores principais do centenario, ten unha contía superior ós 21.500 euros e verase reforzado ó longo deste ano con outra serie de colaboracións publicitarias.
O vicepresidente provincial José Manuel Figueroa puxo en valor os 15 campos de herba sintética construídos en Vigo pola Deputación ó longo dos últimos seis anos, así como a reforma integral que se está a acometer no campo federativo de Coia.
O investimento directo da Deputación en programas deportivos, culturais e sociais en Vigo supera os 55 millóns de euros desde o ano 2007. En materia deportiva esta colaboración afecta a máis de 90 entidades do municipio.
Só no apartado deportivo o investimento na cidade desde o ano 2007 supera os 28 millóns de euros. Ademais programáronse 30 millóns máis que non se puideron executar pola falta de colaboración do Concello de Vigo, no que ía converterse no maior complexo deportivo urbano de Galicia, previsto en Navia.
Xunto a estas actuacións a Deputación mantén abertas e operativas 247 escolas na provincia, nas que practican exercicio máis de 12.000 mozos; case o 80% delas están representadas en Vigo. A rede deportiva da Deputación é unha das maiores de España e está a ser obxecto de estudo e réplica por parte doutras provincias.
O Rápido de Bouzas
O Rápido nace en Bouzas en 1914; pasa a ser o segundo club da Real Vila, que se unira a Vigo dez anos antes. O seu nacemento prodúcese no seo do Liceo Marítimo de Bouzas, creado en 1907, e herda as cores amarela e negra do actual Club Náutico. Nun principio o Rápido é unha mera “sección do Liceo”; posteriormente, en 1917, sepárase del e toma identidade propia, rexistrándose o 12 de agosto daquel ano (a documentación era entregada no Goberno Civil de Pontevedra dez días antes) como Club Rápido Football. Xa en 1941, motivado por un decreto franquista que prohibía a utilización de termos estranxeiros, tomou o seu nome actual, Club Rápido de Bouzas. É, polo tanto, o segundo club máis antigo de Galicia, tras o Real Club Deportivo da Coruña.
PALMARÉS
Participacións no Campionato de Serie B de España: 10
Títulos de Campión da Serie B de España: 1
Títulos de Subcampión da Serie B de España: 1
Temporadas en 3ª división: 15
Títulos de Campión en 3ª división: 1
Veces que xogou a fase de ascenso a 2ª B: 2
Participacións na Copa do Rei: 1
Títulos de Campión de Galicia de Afeccionados: 4
Temporadas do Xuvenil en División de Honra: 6











