A Deputación da Coruña presenta un libro que vincula a historia do Hospital de Caridad á vida dos ferroláns
Nun acto ao que tamén asistiu o alcalde, así como autoridades civís, militares e sanitarias da cidade e comarca, Calvo salientou que “a historia deste centro está intimamente ligada á historia da cidade e á súa evolución”. Proba diso, apuntou, é que todos os ferroláns pasaron nalgún momento das súas vidas por un hospital que, segundo o presidente provincial, “ten un nome propio, pero para nós sempre será coñecido como o Hospital Xeral”.
Así mesmo, o responsable provincial agradeceu o labor desta Fundación pola súa “boa xestión e o mantemento dunhas instalacións tan vinculadas con Ferrol”.
Finalmente, o titular da Deputación tivo un recordo especial para os médicos e practicantes que anos atrás traballaron gratuitamente para atender os máis necesitados. “Hoxe, cun centro xa profesionalizado, o hospital segue a desenvolver un servizo asistencial destacado para toda a comarca”, insistiu o presidente.
No libro Historia del Santo Hospital de Caridad de Ferrol, Alberto M. Lens Tuero remóntase ao século XV para explicar os inicios dun centro que naceu como hospital de peregrinos no peirao da Curuxeira. Desde entón, cambiou varias veces de localización sen, como resaltou Diego Calvo “deixar de lado o seu obxectivo fundacional: atender aos máis desfavorecidos”. Dende hai 40 anos aséntase no barrio de Caranza.











