A Deputación da Coruña pon en marcha un programa de prevención da violencia de xénero entre adolescentes
O obxectivo deste obradoiro, no que se invisten 17.899,17 euros, pasa por que o alumnado tome conciencia e desenvolva unha actitude analítica e crítica respecto dunha problemática social como é a violencia de xénero e que os mozos e mozas poidan relacionarse libres de prexuízos e estereotipos sexistas nun ambiente de afecto e apoio mutuo.
Para iso, desenvolveranse sesións nas que se utilizarán distintos tipos de materiais, dende presentacións en power point ata curtametraxes, pasando por campañas publicitarias, cancións e todo tipo de textos que poidan ser de interese. Ademais, a Deputación entregará a todos os estudantes participantes unha “guía de prevención do maltrato” con contidos adaptados á adolescencia.
O programa vai dirixido aos estudantes de ESO e comezou xa este martes nos institutos Praia Barraña e Esperanza Castelo de Boiro. Na comarca do Barbanza tamén participarán centros de Noia, Porto do Son, Rianxo e Muros, ademais de Cee, Fisterra e Camariñas, na Costa da Morte.
Para decantarse por estes concellos, a Deputación tivo en conta distintos criterios, como a taxa de menores de 16 anos e que a localidade, de menos de 20.000 habitantes, contase con instituto de educación secundaria. En calquera caso, a intención da entidade provincial e estender esta iniciativa a outras zonas da provincia interesadas en anos sucesivos.











