A Deputación da Coruña destina a 20 bolsas para deportistas da provincia 50.000 euros
Estas axudas coinciden coa política da Deputación de promoción e difusión do deporte e apoia especialmente a aqueles deportistas que están en pleno cambio corporal ou nas súas etapas de iniciación.
Por iso, establécense dous grupos segundo a idade dos aspirantes. Resérvanse dez bolsas de 2.500 euros cada unha a rapazada de entre 10 e 17 anos, e outras dez axudas polo mesmo importe para deportistas de 18 a 23.
O aboamento do importe realizarase en dous pagos, un primeiro dun 40% no momento en que se adxudique a bolsa e o 60% restante facilitarase unha vez transcorridos tres meses dende a concesión e despois de que a federación deportiva correspondente acredite os resultados deportivos de 2014.
As persoas interesadas deberán presentar a súas solicitudes coa documentación esixida no Rexistro Xeral da Deputación antes do día 31 de marzo. As bases completas poden xa ser consultadas no Boletín Oficial da Provincia.











