A Deputación da Coruña colaborará na construcción do novo mercado de abastos de Pontedeume
Fixo esta afirmación durante unha visita institucional ao Concello eumés, onde estivo reunido co alcalde, Gabriel Torrente, e outros membros da corporación local, e onde o rexedor mostrou o seu agradecemento á Deputación porque “sempre atopamos o seu apoio cando presentamos algún proxecto”.
O encontro, enmarcado dentro das visitas institucionais que está a realizar o presidente provincial por todos os concellos da provincia, centrouse na colaboración entre as dúas administracións. Neste senso, Calvo salientou o “esforzo” que se realiza desde a Deputación coa posta en marcha dos plans provinciais que se reparten entre “todos os concellos sen excepción”. No caso concreto de Pontedeume, citou os 193.785,71 euros correspondentes ao POS do ano 2014 e os 130.276,65 euros que lle corresponden dentro do DTC93.
“A Deputación da Coruña destina dos seus fondos 24,2 millóns de euros anuais ao POS, un plan no que damos autonomía plena aos concellos, cunhas bases que temos modificado nos últimos anos para aumentar ao 60% do montante total os cartos que os concellos poden destinar a gasto corrente”, explicou Calvo, que tamén aludiu á axuda que supón para os municipios a aprobación do DTC, unha Deputación para Todos os Concellos, “un plan inédito ata o momento, que aprobamos tendo en conta o escenario de crise que estamos a atravesar”.
Noutro orde de cosas, e dentro da “estreita” colaboración entre a Deputación e os concellos, Calvo falou tamén do “excelente funcionamento” do Servizo de Recadación Provincial, recentemente galardoado cun premio nacional e que supón a achega periódica de adiantos dos impostos e taxas municipais que as administracións locais teñan delegados na Deputación. “No caso de Pontedeume, os datos definitivos reflicten que, ao longo do ano 2013, o Concello recibiu preto de 2,2 millóns de euros neste concepto”, puntualizou o presidente.
Finalmente, o titular provincial lembrou as últimas obras realizadas no municipio coa colaboración da Deputación. “Desbloqueamos o proxecto de ampliación e mellora da estrada de Miño a Pontedeume pola costa, aprobada xa hai anos pero que estaba sen executar; dotamos de herba artificial o campo de fútbol municipal; e contribuímos ao arranxo do mercado provisional cunha achega de 140.000 euros”, concluíu Diego Calvo.