A Deputación alcanza o medio cento de sedes electrónicas postas en marcha nos concellos coruñeses
Os últimos municipios en incorporarse a esta listaxe no que vai de 2014 foron A Laracha, Monfero, Cerdido e Santiso. Con Santa Comba, que estreaba onte este sistema, chégase ao medio centenar de sedes electrónicas e, en breve, incorporaranse máis municipios á listaxe porque xa hai convenios asinados con outros concellos para seguir incrementando o programa.
A Deputación agradece a todas as entidades locais a súa colaboración e interese por este sistema, que lle facilita á cidadanía os seus trámites administrativos ao permitirlle facelos a distancia a calquera hora do día e durante os 365 días do ano.
Isto é posible grazas á plataforma creada pola Deputación da Coruña dentro do Plan de administración electrónica municipal no que se investiron 177.000 euros. Os concellos que utilicen este sistema non teñen que realizar ningunha achega, mentres que no caso de que decidiran implantar o seu propio programa o custo polo dito servizo para cada un dos concellos sería similar ao que achega o ente provincial.
Polo tanto, esta medida vai na liña de aforro pola que deben apostar as administracións públicas. Por iso, o presidente da Deputación, Diego Calvo, resaltou na presentación desta iniciativa en xullo de 2012 que esta ferramenta é “máis áxil e transparente, así como máis eficaz e eficiente”.
“Vai cos tempos e permite unha administración sempre aberta e coa que seguimos o noso obxectivo de abrir as administracións á cidadanía”, declarou Calvo.











