publicidade hoxe

A delegada territorial en Lugo visita o obradoiro de emprego RICRA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoO SaviñaoPantónSober
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, visitaron hoxe no Saviñao aos alumnos participantes no obradoiro de emprego RICRA-Ribeira Sacra, impulsado conxuntamente polos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao.

A Consellería de Traballo e Benestar está a investir 1,7 millóns de euros nos nove obradoiros de emprego que están en marcha neste momento na provincia, unhas iniciativas que, segundo destacou Arias dan emprego “a máis de 200 persoas, 192 delas como alumnos traballadores e o resto como monitores ou persoal de dirección e administración”.

Arias e Díaz estiveron acompañadas polos respectivos alcaldes, José Luis Álvarez, Luis Fernández Guitián e Joaquín González, ante os que subliñaron a necesidade de seguir sumando sinerxías que procuren a creación de postos de traballo a nivel local. Ao respecto, Díaz indicou que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar postos de traballo e “os concellos xogan un importante papel para detectar e aproveitar estes nichos de emprego no seu ámbito”.

O departamento autonómico de Traballo e Benestar inviste preto de 178.000 euros (177.668 euros) neste proxecto, no que 20 traballadores desempregados adquiren formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de xardinería e montaxe e instalación de construcións de madeira e realizan obras de interese social nos tres concellos.

Os participantes do obradoiro levarán a cabo, por exemplo: melloras no ámbito do campo da festa de Aiaz, da fonte de Estrumil, do antigo mercado do gando de Escairón, do campo da festa de Segan, da capela de San Gregorio de Xixiriz, no concello do Saviñao; melloras no ámbito da área recreativa de Castro de Ferreira, da de Gallegos, da de Monte Baliño, na praza de Goian e na zona da Fervenza de Augacaida, no municipio de Pantón; e melloras no ámbito do miradoiro de Bolmente, do miradoiro e santuario de Cadeiras, do souto da Tallada, da capela da Virxe dos Ánxeles e dos muíños do regato de Xabrega, no concello de Sober. Do mesmo xeito, nos tres concellos acometerase a realización e instalación de mobiliario urbán.

Raquel Arias defendeu o novo modelo de obradoiros de emprego, que en determinados casos promove aos concellos a mancomunar as propostas, porque “significa coordinar accións e reducir custos, permitindo o acceso do maior número posible de persoas desempregadas”.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.

Esta filosofía de aprender traballando permite ademais que os obradoiros realicen obras e servizos de interese para os concellos que os albergan, aspecto que tamén apuntou Arias durante a súa visita. En xeral, segundo asegurou a directora xeral de Formación e Colocación, estes proxectos abren un importante espazo de colaboración cos concellos, que son os que mellor coñecen tanto o seu potencial como as súas necesidades.

5 de febreiro de 2014 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.