A D.O. Ribeiro harmoniza os seus caldos coa gastronomía cubana en Xantar 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRibadavia
A-
A+

O Consello Regulador do Ribeiro inicia hoxe unha semana de intensa actividade en Xantar, feira gastronómica de referencia en Ourense, cunha proposta gastronómica na que se convidará aos visitantes a coñecer elaboracións de cociña en harmonía cos viños do Ribeiro.

Nesta 15ª edición, os viños da denominación presentaranse en harmonía coa gastronomía cubana, no showcooking inaugural de hoxe ás 12.00 horas da Aula Gastronómica de Xantar. Acompañando as receitas do chef Michel Damas Guillén (langosta ao mango e congrí), o director técnico do C.R.D.O. Ribeiro, Pablo Vidal presentará diferentes viños adecuándoos aos pratos, buscando a expresión perfecta do conxunto de ambos. Ás 19.30 horas, na Aula de Cata, Pablo Vidal impartirá unha cata profesional de distintos perfís de viños da D.O. Ribeiro dirixida aos medios especializados de fóra de Galicia e Norte de Portugal visitantes da feira.

O xoves, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, presentará os viños da D.O. ao grupo de bloggers gastronómicos visitantes ao salón vidos de toda Galicia, Castilla León e Asturias, nun acto informal, degustando á vez os distintos pratos do restaurante de Cuba (país convidado nesta edición).

O sábado ás 14.00 horas será momento para degustar a cociña de máis marcado carácter galego en conxunción cos viños do Ribeiro, nun obradoiro no que o chef do restaurante Galileo de Ourense, Flavio Morganti, e a presidenta da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Mercedes González, se alían para presentar elaboracións de razas autóctonas de Galicia harmonizadas á perfección con distintos viños da Denominación.

5 de febreiro de 2014 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.