A Coruña destina 130.000 euros á convocatoria de subvencións para actividades de interese social
O Concello da Coruña, a través da área de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa de que xa está aberta a convocatoria para a concesión de subvencións destinadas a actividades de interese social para entidades sen ánimo de lucro. O Goberno local destinará, este ano, un total de 130.000 euros a este fin.
O obxecto das subvencións é a realización de actividades de promoción e reinserción social, así como prestación de servizos sociais no termo municipal da Coruña. Subvencionaranse gastos de funcionamento da entidade, gastos indirectos relacionados co cumprimento da actividade e outros gastos correntes. O orzamento máximo susceptible de ser subvencionado é o 80% do importe total de cada actividade.
Entre os criterios de valoración que se terán en conta están o interese xeral do proxecto ou accións presentadas, a fundamentación do mesmo, a capacidade de xestión para levar a cabo as accións presentadas, os beneficiarios directos de cada proxecto, a colaboración co Concello, o carácter periódico e permanente das accións, a existencia de cofinanciación do proxecto ou o cumprimento en tempo e forma da obrigación de xustificación. Os interesados en solicitar estas axudas poderán facelo até lle próximo 19 de marzo a través do rexistro municipal.











