A Coruña conta co seu primeiro paso de peóns iluminado para mellorar a seguridade dos viandantes

Paso de peóns iluminado
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, desprazouse á rúa Antonio Machado na II Fase de Elviña onde se instalou o primeiro paso de peóns iluminado da cidade. A concelleira quixo comprobar, xunto ao presidente da Asociación Veciñal Elviña Dúas Fases, Leandro García Vázquez, esta nova solución que advirte aos condutores -de forma luminosa enfocando ao paso de peóns- para que reduzan a velocidade e presten maior atención ao paso de persoas.
O sistema consta da instalación de dúas luminarias de leds que iluminan o paso de peóns cando se detecta, por medio dun radar, que unha persoa vai cruzar. A solución é capaz de recoñecer aos vehículos que circulan pola calzada e discriminaos, de forma que soamente actívase coa aproximación de peóns ao paso que se dispoñen a cruzar.
Freire indicou que “reforzar a seguridade e protexer aos peóns”, chamando a atención ao condutor cando a visibilidade é escasa, é o obxectivo da nova solución implantada que se activa en función da intensidade de luz que haxa na zona, mediante células fotoeléctricas, polo que se evita que funcione de día.
Non é unha solución xeneralizada, senón un plan piloto e experimental que testaremos cos veciños, e unha opción que poderemos implantar en determinados puntos da cidade ou zonas sensibles segundo criterios de visibilidade, ancho de vía, condicións de iluminación, volume de viandantes ou porque se detectou que os condutores circulan a maior velocidade. “O mellor remedio para mellorar a seguridade viaria é o respecto das normas de circulación, por parte de todos: condutores, moteiros, ciclistas e peóns; no entanto, todo o que podamos reforzar mediante distintas alternativas novas e de xestión de tráfico, é benvido nesta Concellaría: mellorar a seguridade, chamar a atención ao condutor, darlle maior información para que estea a alerta, e protexer a un dos usuarios máis débiles do espazo público, que son os peóns, son os obxectivos”, explicou a concelleira.











