A Coruña acollerá a IV Gala Internacional de Patinaxe Artística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O Concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, acopañado pola presidenta de FEGEREC, Paca Luengo, e a directora técnica da Federación, Carmen López, presentou esta mañá a IV Gala Internacional de Patinaxe Artística que se celebrará o vindeiro domingo, 16 de febreiro, no Palacio dos Deportes de Riazor a partir das 17.00 horas.

O evento, que organiza a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), ten entre os seus obxectivos lograr unha maior sensibilización social sobre as necesidades do colectivo; dar visibilidade ás enfermidades raras e crónicas; difundir o papel da FEGEREC; e obter recursos económicos para cofinanciar o Programa Asistencial Sociosanitario da entidade.

O concelleiro destacou o labor desta entidade formada por máis de 1.100 persoas entre socios, persoal voluntario e profesionais, que aglutina a dez asociacións e atende cada ano a unhas 1.500 persoas que padecen unha enfermidade rara e ás súas familias. Neste sentido, animou a todos os coruñeses a participar nun evento cuxa recadación permitirá manter e ampliar o seu programa asistencial que inclúe aspectos tan importantes como información, asesoramento sobre proceso evolutivo da enfermidade, tramitación dunha segunda opinión de diagnóstico e acceso a tratamento, procura de especialistas de referencia, atención social e apoio psicolóxico, ou rehabilitación.

A gala, na que se espera unha participación de 5.000 persoas, contará coa participación de 500 patinadores de categoría autonómica, nacional e internacional, entre clubs, colexios e entidades deportivas da comunidade. Tamén se contará coa participación da parella mixta italiana formada por Sara Venerucci e Danilo Dambrino, actuais Campións do Mundo Senior.

Os patinadores participarán nas seguintes modalidades:

-Grupos de Show.

-Individuais Feminino.

-Parellas Mixtas.

-Parellas de Danza.

As entradas, que teñen un prezo de 5 euros, poden adquirirse na sede de FEGEREC (Centro García Sabell, praza Esteban Lareo, 17); no centro comercial Catro Camiños; na web FEGEREC (www.fegerec.es)  e no despacho de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor o día do evento, de 10.30 a 14.00 horas e de 15.30 a 16.45 horas.

10 de febreiro de 2014 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.