A construción da nova ponte da estrada A Laracha-Lendo continúa a bo ritmo
Os traballos de construción de nova ponte da estrada provincial A Laracha-Lendo (DP-1909) á altura de Estramil avanzan a un bo ritmo de actuación, tal e como comprobaron hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o edil de obras, Jesús Souto, nunha visita á zona na que departiron co responsable da empresa que está a executar os traballos a instancias da Deputación da Coruña, que como titular da vía contratou e financia estas actuacións.
A pesar das condicións climatolóxicas desfavorables, xa puideron ser desmontados os pretiles, reconstruída a soleira e colocados os tubos de formigón de dimensións considerables polos que discorrerá a auga baixo a calzada, seguindo o curso normal do río.
Nos próximos días crearase a nova ponte que unirá as dúas partes da estrada, actualmente cortada, e instalaranse os correspondentes elementos de seguridade antes da súa reapertura á circulación dos vehículos.
A rápida actuación dos técnicos da Deputación Provincial da Coruña posibilitou, en primeiro lugar, evitar posibles riscos cortando ao tráfico a estrada ante o perigo de desprendemento que se detectou o pasado venres por causa dos danos que a crecida do río provocara sobre a ponte. Unha vez tomada esa decisión con carácter urxente, as obras puideron iniciarse en poucos días, xa o martes desta semana.











