A conselleira de Medio Rural destaca o éxito acadado nos últimos anos polo Salón Xantar
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe o crecemento experimentado nos últimos anos pola feira Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, que se celebra dende onte e ata o vindeiro día 9 no recinto de Expourense.
Na visita a este certame, Rosa Quintana sinalou que este evento “medra un ano tras outro” e destacou que “este ano, ademais dun impresionante crecemento de case un 20% nos stands, conseguiu ser declarada Feria Comercial Internacional pola Secretaría de Estado de Comercio”.
A titular de Medio Rural e Mar felicitou á organización de Xantar por estes logros e referiuse ao desenvolvemento turístico e gastronómico de Galicia indicando que “o aproveitamento dos nosos excepcionais produtos, así como a súa exportación cada vez maior co respaldo dos selos de calidade é un dos grandes éxitos da nosa Comunidade”. Nesta liña, a conselleira definiu a Galicia como “paraíso gastronómico e turístico”.
Rosa Quintana engadiu que “gardar a esencia do que exemplifica o ser de Galicia, os nosos costumes, tradicións e turismo é un empeño no que estamos embarcados todos os galegos cun sentido de país, con sentido e sentimento de manter, innovar, exportar e dar a coñecer o que é noso”.
Neste sentido, apuntou que “desde o Goberno de Galicia apoiamos os nosos produtos plasmando nos orzamentos de 2014 arredor de 13,6 millóns de euros para a mellora da calidade da produción agropecuaria e destinamos 19,7 millóns de euros a axudas para a súa industrialización e comercialización”, porque entendemos –dixo– como fundamental apoiar a súa constante mellora e produción.











