A comisión xestora da Cámara de Ferrol decide abrir a inscrición ao censo electoral
A Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Ferrol, cuxa principal tarefa é a convocatoria de eleccións co obxectivo de restituír a gobernabilidade do ente e a estabilidade das súas funcións, decidiu esta mañá na súa sesión constituínte abrir a inscrición ao censo electoral.
O empresariado ferrolán poderá inscribirse a este censo a partir do próximo xoves e durante un prazo de quince días. Posteriormente, e unha vez cumpridos os diferentes pasos e prazos recollidos pola normativa, procederase ao trámite das candidaturas e á convocatoria de eleccións.
Na reunión celebrada hoxe, á que asistiu a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, en representación do organismo tutelante, acordouse tamén analizar as contas da Cámara para coñecer de xeito claro a súa situación económica, e poder así avaliar como facer fronte cos propios recursos da Cámara ás distintas obrigas e necesidades do ente.
Á reunión asistiron os sete membros da Comisión Xestora nomeados polo organismo tutelar en representación da Administración entre funcionarios vinculados coa materia, que decidiron nomear como presidenta da xestora á subdirectora xeral de Comercio, Marta López Quintás.
A Dirección Xeral de Comercio realizará as xestións oportunas para cubrir os postos dos representantes das cámaras de comercio galegas na Comisión Xestora que continúan vacantes.
A Xunta, que como órgano tutelar se implicou desde o primeiro momento na busca de solucións para a Cámara de Ferrol, aposta por Cámaras de Comercio solventes e que presten servizos de calidade ao empresariado, que está chamado á participación no proceso electoral do ente cameral.











