A CEO e o Banco Sabadell abren vías de colaboración en beneficio do tecido empresarial da provincia
O presidente da CEO, José Manuel Pérez Canle, e o director de Empresas para o Noroeste de Banco Sabadell, Jorge Cienfuegos García, rubricaron esta mañá un acordo co que inician unha liña de colaboración en beneficio das empresas que forman parte da entidade.
Neste sentido, o principal obxecto deste convenio é pór a disposición das empresas membro da CEO produtos e servizos co obxectivo de facilitarlles o acceso ás novas tecnoloxías, ao financiamento do circulante en calquera das súas modalidades, así como o financiamento a medio-longo prazo de novos investimentos en activos fixos mediante préstamos e leasing. Con esta finalidade e para facilitar a cobertura ás necesidades financeiras tanto de ámbito nacional como internacional dos membros da CEO, o SabadellGallego pon á súa disposición unha liña dotada con cen millóns de euros.
Igualmente, a entidade financeira facilita a asociados da organización empresarial un acceso ás liñas de financiamento subvencionadas que saian ao mercado, tanto a nivel estatal como autonómicas emitidas polos organismos competentes (ICO, Igape…)
Noutros ámbitos, o banco ofrece tamén o asesoramento en proxectos de eficiencia enerxética e pon a disposición dos empresarios con actividade exportadora ou o interese en desenvolvela, a súa rede exterior prestando especial atención ás empresas que accedan aos mercados onde este banco teña presenza, ás que ofrece unha cobertura especial. Na vertente internacional, que a CEO quere seguir potenciando a través tanto do asesoramento como de proxectos concretos, o SabadellGallego colabora ofrecendo o seu programa ‘Exportar para crecer’ con produtos e asesoramento específicos.











