A CEO acolle a presentación do portal NEOS para facilitar as notificacións electrónicas coa administración
O secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, deu comezo a esta xornada técnica facendo fincapé na vertente da Confederación Empresarial de Ourense por manter ao tecido empresarial informado acerca das novidades que poidan afectar aos seus negocios e á provincia. Esta vez, a entidade convidou a Sergio Ruiz, Director Xeral de Artic Solucións e responsable da área de Notificacións Telemáticas de Wolters Kluwer España para que dese a coñecer o Portal NEOS, unha nova plataforma que se presenta como a gran aliada de xestorías, asesorías e pemes, simplificando a tramitación de notificacións vía telemática.
Durante a charla, o relator non só deu a coñecer os aspectos positivos e o funcionamento do Portal NEOS, senón que analizou tamén os detalles da xestión das notificacións electrónicas obrigatorias. Sergio Ruiz, explicou que algunhas institucións como a Dirección Xeral de Tráfico, o Sergas, a Axencia Tributaria e certas administracións locais permiten ao usuario realizar os seus trámites a través de Internet. Esta modernización mellorou a fluidez da comunicación entre as distintas administracións coa cidadanía, que con máis frecuencia recorre a este novo sistema telemático.
Nesta liña, a axencia Wolters Kluwer, desenvolveu o Portal NEOS, unha ferramenta nada para facilitar o traballo de xestorías, asesorías e pemes, que coa utilización desta plataforma lograrán dar maior rapidez ás súas xestións, o que á súa vez repercutirá na súa relación cos clientes. O programa reunirá nunha soa caixa de correos todas as notificacións recibidas por cada cliente permitindo acceder a elas a partir dun único usuario. Este sistema, por tanto, mellorará a xestión das notificacións mediante un funcionamento sinxelo e intuitivo.











