publicidade hoxe

A Casa da cultura “Ramón Martínez López” de Boiro acolle a representación “As do peixe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroCalendario
A-
A+

A Casa da cultura “Ramón Martinez López” de Boiro acolle, o vindeiro venres, 14 de febreiro, ás 21.00 h., a representación da obra “As do peixe”.  Un espectáculo que honra a memoria das traballadoras da conserva, escrito por Cándido Pazó e dirixido por Cristina Domínguez da Pena.

Trátase dunha comedia destinada a maiores de 12 anos e que conta coa calidade escénica das actrices Casislda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans e Rocío González.

TERE.- As do peixe eran as descontinuas. As que viñan na forza da sardiña.

BEGOÑA.- Na forza de que?

CONCHI.- Cando chegaba moito peixe necesitaban máis xente.

BEGOÑA.- Ah.

LISA.- Son falares de vellas.

TERE.- Aí collían máis mulleres. Pero non eran fixas. Eran as do peixe. Chamábanlle así.

As do peixe, é unha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta e contada desde o momento actual .

Catro mulleres, Conchi, Begoña, Lisa e Tere, reúnense periodicamente nun espazo público dedicado á memoria das conserveiras. Aquí tratan de relembrar o seu pasado laboral e o de tantas mulleres que, logo de que a fábrica de conservas máis importante da vila pechara, despois de moitas loitas e desenganos, víronse sen traballo e sen posibilidades reais de volver recuperalo. A súa historia, e a de moitas outras mulleres das vilas mariñeiras que quedaron sen traballo, amosan unha realidade: o derrube dunha economía e dun xeito de vivir.

Mais esta viaxe cara ao pasado supón aínda máis para elas, xa que a recuperación na súa memoria dos momentos claves dos anos vividos na fábrica, irán intimamente unidos ás súas propias biografías. As súas vidas e as de moitas mulleres, pasarán por diante delas facéndolles revivir un pasado que agora mesmo parece moito mellor do que foi, e enfrontarse a un presente cheo de incertezas. 

10 de febreiro de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.