A Casa da Cultura de Lousame acollerá unha exposición sobre o cambio climático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Casa de Cultura de Lousame acollerá ata o luns 3 de marzo a exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”, unha mostra que pretende sensibilizar e fomentar a participación da cidadanía no desenvolvemento de medidas efectivas para loitar contra os efectos do cambio climático. Esta exposición é unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración co Concello de Lousame.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destaca que “un dos obxectivos desta exposición é concienciar aos veciños e veciñas de Lousame de que eles poden colaborar na loita contra o cambio climático, valorando a importancia e a repercusión de todas aquelas accións que podemos adoptar dende os nosos diferentes ámbitos para mitigar os efectos do cambio climático”. A mostra consta de dezanove paneis informativos e sensibilizadores respecto do fenómeno do cambio climático e dun documental sobre os seus efectos titulado “O cambio climático, o reto do século XXI”.

Así mesmo, a mostra inclúe dous módulos prácticos. O primeiro, “E máis eu, cantas emisións podo evitar?”, exemplifica a través dunha bicicleta e dun ordenador as distintas solucións que se poden tomar a nivel individual e local para reducir as emisións de CO2 á atmosfera. O segundo módulo, “Emisión cero”, amosa unha pila de combustible de hidróxeno como exemplo do uso de outras fontes de enerxía, ademais de explicar as diferentes enerxías renovables que podemos empregar na nosa vida diaria.

A mostra, que estará aberta ao público ata o vindeiro 3 de marzo, inclúe tamén unha serie de visitas guiadas para os rapaces e rapazas de Lousame, que disporán tamén dun caderno didáctico para traballar os aspectos presentados na exposición.

20 de febreiro de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.