A Cañiza celebra o Día da Muller Traballadora cun concurso de fotografías sobre a muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Cañiza
A-
A+

Con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora o vindeiro 8 de marzo, o Departamento de Servizos Sociais do Concello da Cañiza pretende organizar unha exposición fotográfica que visibilice o papel da muller na sociedade en diferentes ámbitos ao longo do tempo.

Para iso solicítase a colaboración cidadá de xeito que as persoas que desexen participar aporten copia  de fotografías que teñan na casa, dos seus avós/as ou bisavós/as, nais e pais, veciños/as nas que principalmente saian mulleres e que visibilicen o seu papel no ámbito social desa época.

Os ámbitos que se propoñen dende os Servizos Sociais para presentar as fotografías abarcan dende o traballo fora e dentro da familia das mulleres (por exemplo: actividades tradicionalmente realizadas por mulleres como labores agrarios ou outros ámbitos do traballo, tarefas domésticas, coidado de persoas e outras fotografías que mostren a incorporación da muller a sectores tradicionalmente masculinos);  lecer como é o caso das festas populares, e reunións;  educación ( por exemplo: fotos da etapa escolar) ou calquera outra que non se inclúa nas anteriores e poida estar relacionada co papel da muller e a sociedade.

A data límite para presentar as fotografías queda fixada para o día 28 de febreiro.  @s colaborador@s teñen que aportar a fotografía facendo referencia ao ano aproximado, lugar e parroquia onde foi tomada a fotografía e unha pequena descrición da actividade á que se refiere.

21 de febreiro de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.