A campaña “Máis que comercio!” reforzará o comercio de proximidade do Carballiño
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá no Carballiño xunto con responsables do centro comercial aberto da localidade a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que botará a andar na localidade ourensá o vindeiro luns, 3 de marzo.
Vázquez Abeal destacou que con esta iniciativa, que percorrerá Galicia durante todo o ano, a Consellería de Economía e Industria busca reforzar o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas. A directora xeral, que salientou o importante traballo que desenvolve o CCA do Carballiño no impulso ao comercio local, explicou que os clientes dos establecementos asociados recibirán durante o mes de marzo un cupón por cada 5€ de compra no que poderán participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir premios en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos, como vales desconto, artigos de decoración, roupa, ou complementos, grazas ás achegas dos comerciantes carballineses, ata un total de máis de 200 premios. Ademais, ao remate do mes que durará a campaña, o establecemento carballinés escollido polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
A directora xeral de Comercio salientou que un dos obxectivos desta nova campaña, que resalta os valores do comercio de proximidade, como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade, é impulsar o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.
Neste sentido, lembrou que a Xunta vén de activar o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, e do que o ano pasado se beneficiou o CCA do Carballiño.
No seu encontro cos comerciantes da localidade ourensá, Sol Vázquez Abeal fixo tamén fincapé no novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.
Ademais de no Carballiño, a campaña Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, botará a andar o vindeiro luns nos centros comerciais abertos de Ribadeo, Caldas de Reis e do Calvario (Vigo), así como no CCU Zona Monumental de Pontevedra.











