A Biblioteca de San Sadurniño acollerá un obradoiro de lectura dramatizada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As obras teatrais antes de ser representacións sobre un escenario son pezas escritas nas que, ademais dos diálogos, aparecen descricións precisas dos ambientes e dos personaxes. Ir ao teatro sempre é unha experiencia gratificante pero, se cadra, aínda o é máis meterse na pel dos protagonistas. E para iso non fai falla subir ao escenario, senón que varias persoas poden pasar un bo rato lendo en conxunto unha mesma obra sen a presión do público. Iso é precisamente o que nos propón a biblioteca municipal para próximas datas.

Desde este departamento do Concello lanzouse a través do último Novas un convite para participar nun pequeno obradoiro de lecturas dramatizadas. Trátase de xuntar un ou varios grupos -tamén polas parroquias- que queiran iniciarse no teatro, aínda que sen necesidade de ensaiar, cambiar de roupa nin de subir ao escenario. O obxectivo é coñecer mellor este xénero literario por medio da lectura grupal en voz alta, de maneira que poidamos meternos de cheo na psicoloxía dos personaxes.

A actividade vai dirixida a maiores de 18 anos e quen se apunte aprenderá a vocalizar e enfatizar a voz igual que fan os actores e actrices. Ademais tamén se traballarán os xestos e os movementos que se requiren para unha boa dramatización. Non haberá que memorizar texto ningún senón que a única pretensión do obradoiro é facernos pasar un tempo de pracer en boa compaña e xogar co que a literatura nos brinda en forma de teatro lido.

As persoas que se queiran apuntar poden facelo na Biblioteca ou chamando ao número 636 390 990. Esta actividade poderá realizarse tamén nos locais sociais das diferentes parroquias, sempre que se forme un grupo mínimo de persoas.

12 de febreiro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.