A Asociación Cidadá de Loita contra a Droga da Coruña estrea novo ximnasio terapéutico
Este recinto, que dará servizo a 28 usuarios, é froito do acordo firmado hai uns meses entre Calvo e a ACLAD, polo que a Deputación financia preto do 70% da obra así como do equipamento necesario para adecuar as instalacións deportivas para os internos da Comunidade Terapéutica “Julio Portela”. En concreto, o orzamento deste proxecto ascendeu a 46.117,5 euros dos que a Deputación aportou 32.262.
Cinco meses despois, este proxecto é xa unha realidade que onte Calvo e Negreira puideron coñecer acompañados do presidente da asociación, Alejandro Gómez, e outros membros da directiva de ACLAD.
Durante a súa visita, Diego Calvo salientou “o labor que desenvolve esta entidade a favor dun colectivo moitas veces esquecido e polo que hai que loitar para a súa integración na sociedade tras unha batalla persoal que pode levar anos”.
O ximnasio sumase ás instalacións para a recuperación dos drogodependentes que xa existen neste recinto, xa que a actividade física forma parte fundamental do traballo que realiza o equipo multidisciplinar desta asociación.
Ademais das terapias en grupo e persoais, o centro “Julio Portela” trata de manter a esencia de comunidade que fai que sexan os propios residentes os que se encarguen dos coidados diarios coma a lavandería, a cociña, o xardín ou a limpeza. O exercicio forma parte destas accións co obxectivo de que o paciente poida continuar practicándoo cando remate o seu internamento.
Durante a visita, Alejandro Gómez agradeceu o grande apoio prestado pola Deputación á posta en marcha deste proxecto. “Grazas á axuda provincial puidemos acabar cos defectos estruturais da nave onde queriamos situar este ximnasio, moi necesario para mellorar a actividade física dos nosos usuarios”, asegurou.
ACLAD é unha asociación sen ánimo de lucro fundada no ano 1979 que ten coma obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas que sofren trastornos por consumo de sustancias tóxicas ou que se atopan en situación de exclusión social. A Comunidade Terapéutica “Julio Portela” é un centro sanitario profesional incluído na Rede Asistencial do Plan de Galicia sobre Drogas dedicado ao tratamento e rehabilitación de drogodependentes adultos mediante un programa de réxime residencial.











