A área de Saúde de Ourense presenta un programa con orientacións para desenvolver unha dieta equilibrada
A concelleira de Saúde e Benestar Social, Marga Martín, presentou esta mañá xunto á responsable da Escola Municipal de Saúde, Yolanda Colmenero, e a nutricionista coordinadora da actividade, Marisol López, unha nova iniciativa do Concello de Ourense dirixida a ofrecer orientacións sobre o desenvolvemento dunha dieta equilibrada, que permita conseguir manter un peso saudable na poboación, o primeiro dos pasos para levar unha vida sana.
A iniciativa, de carácter gratuíto, está dirixida especificamente a persoas adultas de Ourense que sufran de sobrepeso ou obesidade, e se desenvolverá a través da rede de centros cívicos municipal. A metodoloxía será dinámica, participativa, práctica e baseada na aprendizaxe significativa, en pequenos grupos cun máximo de 20 persoas. O prazo de inscrición comezará hoxe, tanto nos propios centros cívicos como na Concellería de Saúde, na rúa Concordia.
O programa constará de dúas sesións ao mes, de dúas horas cada unha, durante catro meses (entre marzo e xuño):
– Nunha primeira sesión realizaranse dous tipos de rexistros: un control antropométrico mensual dos participantes (peso, estatura, relación cintura/cadeira, etc.), e un rexistro mensual sobre datos relacionados coa compra, preparación e frecuencia de consumo dos grupos de alimentos. Estes rexistros permitirán establecer unha valoración do peso e coñecer a dieta e hábitos alimentarios.
– Nunha segunda sesión, exporase aos participantes de xeito individual e grupal os erros e boas prácticas atopadas no estudio, procedendo no transcurso de dita sesión a detallar o plantexamento nutricional a seguir por cada persoa.
Este proxecto está pensado para atender e diminiuír os casos de sobrepeso e obesidade da cidade, mediante unha intervención cercana, continuada, práctica e motivadora. Nos casos puntuais que requiran de atención médica específica, serán derivados aos pertinentes servizos de saúde.
A actividade terá lugar nos Centros Cívicos de Seixalbo, A Cuña, Colón, A Ponte e As Termas.











