A área de Cultura de Orense presenta a programación das festas do Entroido 2014
O Concello de Ourense xa ten ultimada a programación para este Entroido 2014, que como cada ano converterá á cidade na capital da festa entre os días 28 de febreiro e o 5 de marzo.
Comezaremos quentando motores con talleres organizados pola Concellería de Educación, os mércores 19 e 26 de febreiro no Museo Municipal. Un día despois, os xoves 20 e 27 – Compadres e Comadres respectivamente -, organízanse na Praza Maior as regueifas e loitas tradicionais para o alumnado.
E o venres 28 dará comezo o Entroido, coa lectura do pregón. Será a partir das 21 h, aínda que dende unha hora antes (20 h) haberá un concerto na propia Praza Maior ofrecido polo grupo The Covers Band, que ofrecerá un variado repertorio onde se poden atopar temas de Queen, The Beatles, U2, Red Hot Chilli Peppers… etc.
Durante 6 días prolongaranse estas festas, onde as persoas que saian a rúa poderán elixir entre unha ampla oferta de charangas – arredor de 20 grupos amenizaran as rúas durante todo o día -, animacións, Entroidos nos Barrios, xogos e festas infantís, desfile de Comparsas e Carrozas – domingo 2 desde as Lagoas, o prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 27 –, elección de Rei e Raíña do Entroido, e verbena ás noites. Precisamente unha das noites álxidas, o luns 3 de marzo actuará na Praza do Correxidor o grupo La Troba Kung – Fú, presentando o seu novo disco Santalegría por primeira ven en Galicia. A festa rematará o mércores, 5 co tradicional Enterro da Sardiña.











