A ampliación do CEIP Padre Feijoo de Allariz contou cun orzamento de 1,2 millóns de euros da Consellería de Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocal PortadaOurense
A-
A+
Vázquez Abad na visita ás obras do CEIP Padre Feijóo

Vázquez Abad na visita ás obras do CEIP Padre Feijoo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Padre Feijoo, onde comprobou a evolución das obras de ampliación que contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Un investimento que dá conta do compromiso da Xunta coas necesidades do ensino público, a pesar da complicada situación económica.

Durante o percorrido polo centro o conselleiro deu conta do avance das obras que comezaron o pasado mes de setembro e que permitiran ao colexio abrir o vindeiro curso nove novas aulas de educación infantil, todas elas con aseos.

Ademais, Vázquez Abad, que estivo acompañado polo director do centro, Javier Fernández Puga; o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego, comprobou o desenvolvemento da intervención que tamén inclúe a creación dunha sala de usos múltiples; a zona de administración cunha sala de profesores; e zonas de servizos comúns como o comedor, os aseos e un almacén; así como os espazos exteriores cunha zona cuberta de 150 metros cadrados e un patio de recreo de 750 metros cadrados.

Na actualidade o CEIP Padre Feijoo de Allariz é un centro de dúas liñas de Educación Infantil e Primaria. Foi creado cunha dotación para atender a un alumnado correspondente a 6 unidades de Educación Infantil, e 6 unidades de Ensinanza Primaria. O edificio actual xa foi obxecto de modificación, ampliacións e melloras, debido ao incremento de matrícula rexistrado nos últimos cursos.

Investimento no centro

En total, o investimento da Xunta no CEIP Padre Feijoo sitúase en preto de 1,5 millóns de euros, nos que se inclúen as citadas obras de ampliación máis os investimentos realizados nos últimos anos. Ademais, cómpre sinalar que o centro vén de asinar un contrato-programa na liña de reforzo, orientación e apoio, para o que se lle asignou un docente externo a media xornada ao centro. Así mesmo, o colexio está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Adicionalmente, a Consellería ten feito desde 2009 obras en diferentes espazos do CEIP Padre Feijoo, grazas ao que se realizaron melloras no comedor, nos aseos e vestiarios, nas persianas, nas tubaxes, desaugamentos, arquetas interiores e nas instalacións eléctrica e de calefaccións; ademáis construíuse un soportal e un areeiro no centro.

Ademais, o compromiso da Consellería con este colexio reflectiuse na dotación ao mesmo de dúas aulas dixitais, así como na súa entrada no curso 2012/13 no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE).

19 de febreiro de 2014 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.