A achega da Coruña ao Eixo Atlántico contribuirá ao liderado da eurorrexión
O alcalde coruñés e presidente do Eixo Atlántico desde o pasado 12 de febreiro, Carlos Negreira, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con Xoan Vázquez Mao, secretario xeral desta entidade que representa a 7 millóns de habitantes de Galicia e o norte de Portugal. Co nomeamento de Negreira como máximo responsable do Eixo Atlántico, A Coruña xogará un papel referente en Europa e reforzará a súa presenza e liderado no exterior.
“A Coruña ten moito que ofrecer e compartir. Esta diplomacia urbana pon en evidencia que desde A Coruña podemos achegar e que é importante saír para alcanzar acordos e situarse no ámbito internacional das oportunidades”, sinalou Negreira, quen, na súa primeira comparecencia pública como presidente do Eixo Atlántico tras o seu recente nomeamento, avanzou a programación e as accións proxectadas para este ano na eurorrexión.
En concreto, Carlos Negreira destacou o desenvolvemento da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, deseñada en consonancia coas directrices marcadas na Axenda Urbana Europea 2014-2020. “O noso obxectivo é situar ás cidades para que sexan competitivas para saír da crise. É a primeira axenda urbana transfronteiriza, o que nos permite preparar ás cidades para saír mellor da crise. Canto mellor saibamos aproveitar as oportunidades dos fondos europeos mellor preparados estaremos para o futuro”, afirmou Negreira.
O presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico, acompañados do tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, aproveitaron este encontro no Palacio Municipal de María Pita para avanzar nas liñas de traballo que se desenvolverán ao longo deste ano, co obxectivo de optar aos fondos da Unión Europea para o período 2014-2020 para plans de mobilidade, sustentabilidade, innovación e inclusión social. Negreira explicou que existen tres grandes eixos de actuación dentro do proxecto Eurorrexión 2020 para contar con cidades máis activas, competitivas e líderes:
– Crecemento sustentable. A través da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo desenvolveranse proxectos entre Galicia e Portugal. Neste apartado atópase a III Maratón Atlántica Coruña42, que se promocionará o 27 de abril como evento sustentable (con accións de prevención, reutilización e reciclaxe de residuos, así como de comunicación da sustentabilidade).
– Crecemento innovador. O Eixo Atlántico continuará co desenvolvemento da Axenda Local 21 e coa estratexia de Smart City, onde A Coruña ten un papel protagonista.
– Crecemento inclusivo. A eurorrexión coincide co Concello coruñés na necesidade de fomentar accións vinculadas ao ámbito social e cultural e á promoción do turismo.
O alcalde coruñés e presidente do Eixo Atlántico tamén avanzou que A Coruña será unha das sedes centrais de toda a actividade que se programa para este ano dentro do Eixo Atlántico. Carlos Negreira destacou sobre todo a celebración do III Foro Pensar a Cidade do século XXI, prevista para o mes de outubro, un lugar de encontro para que as urbes de Galicia e Portugal analicen fórmulas para abordar o seu futuro e ofrecer mellores servizos aos seus cidadáns.
Carlos Negreira aproveitou para lembrar que o Eixo Atlántico prestará especial relevancia á estratexia marítima (aproveitar a oportunidade que se xerará coa finalización das obras da canle de Panamá), ao transporte ferroviario de mercadorías, e á promoción cultural (impulsar os Camiños de Santiago).
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, felicitou ao alcalde e á cidade da Coruña por asumir a presidencia da entidade: “Por primeira vez en 20 anos de existencia do Eixo Atlántico, A Coruña asume o liderado urbano da eurorrexión, unha presidencia aprobada por unanimidade polas 34 cidades”. Vázquez Mao sinalou a importancia de que Carlos Negreira sexa presidente do Eixo Atlántico e da Confederación de Cidades do Arco Atlántico, pois o traballo conxunto entre ambas as institucións contribúe a dispor dunha plataforma común ante a Unión Europea, é dicir, pór en común estratexias e esforzos co océano Atlántico como punto de encontro.











