A 30ª Feiradeza e o 20º Concurso de Gando Frisón celebrarase o 20, 21 e 22 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalín
A-
A+

Manuel Fernández presidiu onte a primeira reunión do Comité celebrada onte na Casa do Concello de Lalín, na que tomaron parte o presidente de Africor Pontevedra, José Manuel Madriñán, o xerente, José Rodríguez López e gandeiros da zona ata preto dunha vintena de persoas que analizaron diversos aspectos da Feira

A 30ª edición de Feiradeza e a 20 do concurso da raza frisona celebrarase os días 20, 21 e 22 de xuño, informa o concelleiro de Actividade e Produción Agraria, e Relacións coas Asociacións e Cooperativas Agrarias, Manuel Fernández López “tal como acordou onte o Comité Organizador nunha reunión que tivo lugar na sala de prensa da Casa do Concello de Lalín”.

Fernández López sinala que “a dita data foi escollida polos gandeiros presentes na reunión que decidiron sobre a idoneidade da celebración do certame a finais de xuño dado que nesas datas estarían máis liberados ao contar ter feitos a gran parte dos traballos do campo”.

O edil anuncia que “entre as modificacións aprobadas polo Comité de Feiradeza destaca a entrada no dito Comité da veterinaria, Gloria Martínez Sanz, en representación de Xundeva”. “En canto aos premios créase un novo incentivo entre os concursantes que consiste no establecemento nun premio de ao redor de 50 euros por animal -vacas de leite- en produción sacado a pista”, remarca, ao tempo que precisa que “o resto de premios será semellante ao de edicións anteriores, con algún pequeno cambio”.

“Tamén se manterá a poxa de animais, así como os sorteos dunha becerra e dunha xovenca para o público asistente”, sinala. “Ademais tamén solicitaremos premios de embrións e xovenca á Deputación para sorteo entre os concursantes e manteremos o stand de cooperativas”, subliña.

Na primeira reunión do Comité Organizador celebrada na noite de onte participou ademais do edil delegado; o presidente de Africor Pontevedra, José Manuel Madriñán e o xerente, José Rodríguez López, así como gandeiros e representantes de cooperativas gandeiras da zona sobre unha vintena de persoas que analizaron os diversos aspectos da Feira. Acordaron manter un encontro máis adiante para pechar xa todos os preparativos do Certame.

13 de febreiro de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.