78 alumnos participan en Ponte Caldelas nun novo curso para a obtención do graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Un total de 78 alumnos con idades comprendidas entre os 17 e os 58 anos participan nunha nova edición do curso gratuíto de preparación do exame para a obtención do graduado en ESO. A lección inaugural contou coa presenza do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quen lles animou a esforzarse para alcanzar o seu obxectivo formativo e poder así ter maiores posibilidades de incorporarse ao mercado laboral.

O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha unha nova edición dos cursos gratuítos de preparación do exame para a obtención do graduado en ESO con atención prioritaria a aqueles mozos, entre 16 e 24 anos, que abandonaron recentemente o sistema educativo, e a alumnos de 3º e 4º de ESO  e de PCPI. No entanto, tamén está aberto ao resto da poboación do municipio, e así dos inscritos 20 son menores de 25 anos e 58 son maiores de 25 anos.

O curso desenvolverase ao longo dun tres meses de formación, entre o 17 de febreiro e o 12 de maio, cun total de 75  horas lectivas que se impartirán os luns e mércores (3 horas diarias) aos 78 alumnos distribuídos en tres grupos (dous de mañá e un de tarde) para facilitar unha atención o máis persoal e individualizada posible. O financiamento do citado curso corre a cargo do Concello de Ponte Caldelas.

Con esta iniciativa, o Concello de Ponte Caldelas pretende seguir loitando contra o abandono escolar e facilitar aos pontecaldelenses as ferramentas formativas necesarias para poder concorrer ao mercado laboral nas mellores condicións posibles. Hai que ter en conta que para acceder a moitos cursos de formación ou determinados postos de traballo é indispensable o certificado da ESO.

O ÉXITO DO CURSO FAI QUE ESTE ANO SE APUNTE UN 30% MÁIS DE ALUMNOS

Esta experiencia vólvese a repetir agora debido ao gran éxito obtido pola pasada edición e a unha maior demanda deste curso que fixo que se matricularon un 30% máis de alumnos que durante a experiencia do 2013.

Así mesmo, o ano pasado conseguiuse un importante nivel de aprobado entre os alumnos que asistiron ao curso e que se presentaron ao exame. Así, dos 17 alumnos de idades comprendidas entre 16 e 31 anos, o 29% aprobou todos os módulos e o 18%, dous do tres exames aos que foron sometidos.

No tramo de idade comprendido entre os 32 e 60 anos, dos 25 alumnos presentados a exame, o 50% aprobou todo e o 8% pasou dous do tres probas aos que concorreron.

Do total global dos alumnos presentados, o 82% superou algún dos módulos aos que se presentaron, sendo o 42% a porcentaxe dos que aprobaron todo e obtiveron así o seu graduado en ESO. Os que superaron con éxito uno ou dous módulos do total dos que concorreron, conservan este aprobado para os sucesivos exames, de forma que lles facilita o seu obxectivo de obter a titulación de graduado en ESO.

17 de febreiro de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.