320 familias de Narón solicitaron a bonificación das taxas de auga, lixo e saneamento para o 2014
A Concellería de Acción Social de Narón, dirixida pola edil Catalina García, ven de pechar a primeira convocatoria de solicitude para as bonificacións do servizo de auga, recollida de lixo e saneamento concedidas polo Concello de Narón a veciños/as con especiais dificultades económicas.
O prazo para solicitar a bonificación anual estivo aberto durante o mes de xaneiro, e nesta primeira convocatoria semestral recibíronse 320 solicitudes, o que supón un 40% máis que o ano anterior nestas datas. Esta cifra se verá aumentada cando se sumen as solicitudes presentadas no segundo semestre, posto que as bonificacións económicas poden solicitarse en dous períodos anuais: xaneiro e xullo –para que as familias que tiveran reducidos os seus ingresos económicos durante o primeiro semestre do ano, poidan acollerse no segundo semestre a estas bonificacións-.
No ano 2013 presentáronse un total de 324 solicitudes (entre ambas convocatorias) das que foron beneficiarias 261 familias que acreditaron reunir os requisitos esixidos.
Actualmente, finalizada a primeira convocatoria, os Servizos Sociais Municipais están a analizar as solicitudes presentadas e agardan ter resolto o proceso no mes de marzo, de tal maneira que cando se emita o recibo trimestral, as familias poidan recibir a bonificación correspondente.
As bonificacións varían en función dos ingresos económicos das familias solicitantes, e poden chegar a cubrir ata o 90% da taxa.











