publicidade hoxe

300 persoas acudiron ás reunións polo Plan de Illamento Acústico en Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo finalizou onte no Burgo a serie de reunións convocadas cos afectados nesta segunda fase do Plan de Illamento Acústico do aeroporto de Alvedro. Unha vez que AENA comezou a enviar as cartas aos propietarios iniciando a correspondente tramitación, o goberno municipal decidiu asumir un papel activo para apoiar ao máximo aos afectados e así velar pola correcta marcha do proceso. Máis de 300 persoas, entre representantes de comunidades de propietarios ou donos de casas unifamiliares, participaron nalgún dos 5 encontros organizados polo Concello. O alcalde, Xullo Sancristán, e o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, que presidiron as reunións, destacan a “gran participación” dos veciños que así puideron informarse con detalle do procedemento.

Nos encontros, o equipo de goberno ofreceu unha explicación do Plan de Illamento Acústico, proporcionando toda a información sobre o proceso de tramitación e resolvendo todas as dúbidas que manifestasen os veciños. As preguntas dos asistentes versaron especialmente sobre a documentación a achegar a AENA para a insonorización das súas vivendas. O Concello xa dispuxo na web municipal (www.culleredo.es) dos pasos a seguir polos afectados, cumprindo así o seu obxectivo de asesorar aos veciños.

Froito das reunións, o Concello detectou algúns erros na listaxe de inmobles afectados polo Plan de Illamento Acústico. Algunhas vivendas que si entran na isófona non figuran nesta listaxe; e algunhas direccións contan con erratas. O Concello, na súa función de interceder ante AENA para favorecer aos residentes, comunicará de inmediato estes erros á oficina de xestión do Plan para que proceda á súa corrección.

Os encontros celebráronse en Tarrío, Almeiras e O Burgo, neste caso en dúas convocatorias. Son os núcleos afectados nesta segunda fase, que inclúe a insonorización de 1.850 inmobles, que reciben entre 60 e 50 decibeis de son para que queden en 40 e 30 decibeis tras o illamento, en estancias interiores e dormitorios respectivamente.

O goberno municipal confía en que AENA acelere o Plan de Illamento, tomando como referencia unha primeira fase que avanzou moi lentamente. O Concello de Culleredo velará por que a execución desta segunda fase, co novo sistema, garanta que se satisfán as necesidades dos veciños afectados.

Procedemento

Os veciños que reciban a carta de AENA deben remitirlle canto antes a seguinte documentación que se lles pide:

 Si é unha comunidade de propietarios (edificio plurifamiliar): acta da reunión da comunidade, designando representante e autorizando obras nos elementos comúns da leira (cuberta, fachada, etc.).

 Licenza de obras, certificado final da obra ou certificado do Concello de que o edificio ou a vivenda é anterior ao 4 de Outubro de 2010.

 Referencia catastral ou IBI de cada un dos pisos do edificio. En caso de inquilinos, autorización do propietario para realizar as obras e as medicións.

 Fotocopia do DNI ó NIF, que acredite a personalidade do representado.

 Fotocopia do DNI ó NIF que acredite a personalidade do representante.

Aqueles que non recibiron carta de AENA, estando incluídos na envolvente de insonorización, deben dirixirse canto antes ao Concello ou AENA.

Fases dos expedientes

1) Remisión de documentación polo interesado ao Plan

2) Estudo da documentación por Aena.

3) Medicións a efectuar pola Empresa contratada por Aena.

4) Do resultado das medicións, Aena adopta a decisión que corresponda.

5) Aena encargará o proxecto de Insonorización á Empresa seleccionada.

6) Redacción do Proxecto e toma de coñecemento polo afectado.

7) Aprobación do Proxecto e da contía económica por Aena.

8) Execución das obras pola Empresa.

9) Conformidade ou non das obras executadas polo propietario.

10)No seu caso, inspección por Aena das obras.

11) Pago por Aena á empresa de:

 Dirección de obra  Proxecto de obra.  Licenza de obra.  Execución da obra.

12 de febreiro de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.