30 desempregados de Meira recibiron formación para a súa incorporación ao mercado laboral
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe “o compromiso da Xunta por manter unha política de accións formativas ampla e diversificada”, para o que precisamente ten xa en proceso de tramitación as propostas de cursos realizadas polos concellos para o presente ano.
Arias realizou estas declaracións no día de hoxe en Meira, no marco da entrega de títulos aos 30 alumnos que participaron nos cursos de auxiliar de enfermería en xeriatría e operacións de gravación e tratamento de documentos que se desenvolveron no municipio meirense, pertencentes ás Accións Formativas para Desempregados (AFD) que promove a Consellería de Traballo e Benestar.
Arias, acompañada polo alcalde de Meira, Ramiro Pérez, e concelleiros do seu grupo de goberno, subliñou que o “propósito da consellería é seguir impulsando unhas accións formativas que faciliten a preparación de persoas desempregadas para competir nun mercado laboral competitivo”.
De xeito preciso, a delegada fixo referencia a que a Xunta investiu no último ano máis de 4 millóns de euros en 131 cursos que se desenvolven na provincia e nos que participan preto 2.000 persoas. Ao fío das opcións que ofrecen estas iniciativas formativas, Arias significou a orientación da programación de cursos AFD cara “aos novos viveiros de emprego, como é o caso das actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, o turismo e a atención sociosanitaria”, pero tamén recordou que segue a darse cobertura ás demandas de formación en áreas como a xestión e a administración comercial.
Raquel Arias lembrou que as accións formativas sufragadas polo departamento de Traballo “pretenden mellorar a empregabilidade das persoas sen emprego a través dunha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo”, para o que conta coa participación doutras entidades públicas e privadas.
Ao respecto, celebrou a implicación “dos concellos, das organizacións sindicais e empresariais e mesmo de empresas privadas, que organizan boa parte dos cursos e axudan deste modo a configurar unha programación axustada ás necesidades do mercado laboral”.