24 desempregados participan nun obradoiro de emprego da Laracha e Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaArteixo
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao obradoiro

Beatriz Mato na visita ao obradoiro

Un total de 24 persoas desempregadas están a formarse, ao tempo que contan cun posto de traballo, no obradoiro de emprego da Laracha e Arteixo, no que a Xunta está a investir ao redor de 215.000 euros.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta iniciativa mixta que combina formación e emprego e que, segundo destacou, “é un exemplo de cooperación entre concellos, que agrupan os seus esforzos na procura da máxima eficiencia dos investimentos públicos”.

Os participantes neste programa están a formarse en dúas especialidades: montaxe, e mantemento de instalacións solares térmicas; e atención sociosanitaria a persoas con dependencia en institucións. Cada área conta con 12 alumnos.

A través desta iniciativa, o alumnado vai prestar atención sociosanitaria en distintos centros e institucións sociais da Laracha, e colaborarán na instalación de sistemas de enerxía solar térmica en diversas infraestruturas deportivas e sociais de Arteixo.

A conselleira destacou a relevancia dos obradoiros, que ofrecen unha tripla vantaxe: permiten acceder a un posto de traballo; ofrecen unha formación teórica e práctica de calidade; e levan aparellado a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade.

Por iso, a Xunta está a manter unha “firme aposta” por estes programas. Actualmente, hai en marcha 50 obradoiros en toda Galicia. Na provincia da Coruña, son 17 proxectos, con 370 alumnos e un investimento de 3,3 millóns de euros. Neste 2014, o orzamento destinado a estas iniciativas ascende a 10,2 millóns de euros, cos que está previsto poñer en marcha 50 novos obradoiros.

Curso de atención sociosanitaria

Ademais de visitar o obradoiro, a conselleira aproveitou a súa visita ao concello da Laracha para participar na entrega de diplomas do cursos de atención sociosanitaria que se desenvolveu na localidade, coa participación de 15 alumnos e un investimento de máis de 46.000 euros por parte do departamento autonómico.

Durante a súa intervención, Mato sinalou que esta especialidade constitúe un “importante xacemento de emprego”, xa que a inserción dos participantes nesta modalidade acadou o 52 por cento en Galicia. Isto supón que preto de 250 profesionais da comunidade autónoma que superaron a formación na materia conseguiron un posto de traballo.

Ademais, este curso permite ao alumnado obter un certificado de profesionalidade, que “acredita os coñecementos e habilidades adquiridas, mellora os currículos e supón unha gran axuda para optar a un posto de traballo”.

Por iso, practicamente o 100 por cento dos cursos que se financiarán en 2014 van estar vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade, o que sitúa a Galicia á cabeza das autonomía na certificación das actividades formativas. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores obtiveron un certificado na comunidade autónoma.

7 de febreiro de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.