Xunta e UVigo prorrogan a súa cooperación para que 41 alumnos realicen prácticas na administración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deu esta mañá a benvida aos primeiros alumnos e alumnas dos graos de Relacións Laborais e Recursos Humáns e do grao de Dereito da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo que hoxe comezan as súas prácticas na Administración autonómica.

Esta colaboración entre Xunta e Universidade fíxose efectiva o ano pasado co convenio de cooperación educativa rubricado entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade co obxectivo de que os alumnos e alumnas da facultade poidan realizar prácticas académicas externas.

Coma explicou Bravo Bosch, o convenio foi prorrogado coma xa se contemplaba no primeiro documento firmado e, deste xeito, durante o curso académico 2013-2014, se ofertan un total de 41 prazas para alumnos e alumnas de ambos graos -20 de Relacións Laborais e 21 de Dereito- en 8 servizos do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar do edificio administrativo da Xunta en Vigo co fin último de que adquiran experiencia e formación nos principais asuntos que xestiona cada servizo.

As prácticas formativas desenvólvense por períodos bimensuais (xaneiro-febreiro/marzo-abril) e o horario destas procura en todos os casos adaptarse aos horarios lectivos do alumnado e da Delegación Territorial da Xunta. Hoxe mesmo comezaron un total de 17 alumnos e alumnas da primeira quenda de formación.

No período de realización das prácticas, os estudantes universitarios poden acadar unha visión e coñecemento básico das principais funcións do traballo administrativo e de xestión no eido das competencias da Consellería de Traballo e Benestar en materias tan diversas como as xurídico-administrativas, xestión de persoal, xestión económica e orzamentaria, subvencións, prestacións, dereito de familia e menores, regulación de emprego ou dependencia, entre outras.

O obxecto do convenio é articular a colaboración da Consellería que dirixe Beatriz Mato coa Universidade de Vigo na realización de prácticas académicas externas do seu alumnado, e sempre coa finalidade de facilitar a preparación para o exercizo profesional do estudantado en áreas operativas da empresa relacionadas coa súa formación universitaria e as posibles saídas profesionais relacionadas cos seus estudos cursados na Universidade de Vigo. En definitiva, trátase de participar na promoción do desenvolvemento profesional e acceso ao mercado laboral das futuras persoas tituladas universitarias.

20 de xaneiro de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.