“Xa está aquí o Entroido” convértese no cartel gañador para anunciar o Entroido de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Presentación do cartel gañador

Presentación do cartel gañador

Un ano máis, o Concello de Verín promoveu o concurso para seleccionar o cartel oficial das festas, que contou tanto coa participación cidadá como dun xurado cualificador no proceso de selección.

No proceso de votación popular  participaron un total de 371 veciños/as que, previa presentación do DNI, puideron escoller tres dos trece carteis. Unha vez concluídos o período de votación, desde o 21 de decembro ao 04 de xaneiro, aos tres carteis que recibiron máis votos outorgáronselles tres puntos ao primeiro, dous ao segundo máis votado e un ao terceiro. Con posterioridade, o xurado cualificador -conformado por un representante de cada partido político da corporación municipal (María Corona Meixeira, José Agustín González-Ares, Perfecta Losada), un representante do mundo do cigarrón (Álvaro Ferreira), dous artistas locais ou profesores de pintura (Manuela Sánchez e María del Pilar Salgado), representantes de carrozas e comparsas  (José María Manso e María Benita Salgado)-, someteu a todos os carteis participantes a súa valoración.

Entre a suma dos votos de todos os membros do Xurado Cualificador tivo lugar un empate entre os carteis “Nº5: Xa está aquí o Entroido” e “Nº6: Ágora”; pero como se recollía no punto oitavo das bases da convocatoria do concurso de Carteis Entroido 2014, en caso de empate o voto popular decidiría o cartel vencedor, e nesta ocasión o cartel “Nº5: Xa está aquí o Entroido” foi o máis votado polos/as veciños/as de Verín. Polo tanto, o cartel gañador do concurso deste ano é “Nº5: Xa está aquí o Entroido”, de Benigno González Rodríguez.

O CRA de Monterrei, gañador do concurso do cartel ‘Desfile Infantil’

A Delegación Municipal de Festexos do Concello de Verín promoveu, por sétimo ano consecutivo, un concurso para seleccionar o cartel oficial do “Desfile Infantil”. Nesta edición participaron os CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, o Colexio Rural Agrupado Monterrei e o Colexio María Inmaculada. Cada un deles estivo representado por un máximo de tres traballos inéditos, orixinais e non premiados en ningún concurso anterior.

O xurado cualificador, composto por un representante de cada centro e por un membro designado polo Concello, escolleron tres carteis dos presentados – aos que lles outorgaron tres, dous e un punto-. Nesta ocasión o cartel participante que obtivo máis puntuación, e por segunda vez na historia deste concurso, foi realizado polos/as alumnos/as do Colexio Rural Agrupado de Monterrei.

O premio consiste na edición do cartel seleccionado e na entrega dun vale de 300 euros para material deportivo e escolar -a adquirir en establecementos do Concello de Verín-.

10 de xaneiro de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.