Visto bo á modificación da ordenanza de limpeza de Ourense para reforzar o control da cartelería ilegal
A Comisión de Pleno do Concello de Ourense deu o visto bo na súa xuntanza desta mañá ao proxecto de modificación da ordenanza municipal de limpeza, que ten como obxectivo principal tentar reducir a presenza de cartelería ilegal nas rúas da cidade e definir responsabilidades daqueles que a colocan, afeando edificios, mobiliario urbano e elementos auxiliares.
O proxecto de modificación da ordenanza, aprobado previamente pola Xunta de Goberno Local, foi ditaminado cos votos favorables do grupo de goberno, e abstención de PP, BNG e DO. Será incluído na orde do día do pleno do vindeiro venres, día 7 de febreiro, para a súa aprobación inicial.
O texto da modificación incorpora á ordenanza actualmente vixente 4 apartados, que teñen como finalidade definir a responsabilidade na colocación dos carteis por parte das persoas físicas ou xurídicas que colocaron os carteis, e das empresas anunciadoras e empresas publicitarias implicadas na súa elaboración e distribución. Dous aspectos non definidos na ordenanza actualmente en vigor, aprobada polo Pleno do Concello de 9 de marzo de 1995, que centraba as responsabilidades nos propietarios dos inmobles.
Texto completo da proposta de modificación:
– Incluír os apartados 5 e 6 no artigo número 41 da ordenanza (que define o rexime disciplinario), indicando que:
5) Cando se trate de colocación de carteis, serán responsables as persoas xurídicas ou físicas que colocaron os carteis.
6) As empresas anunciadoras e as empresas publicitarias implicadas na elaboración e distribución do cartel serán, no seu caso, responsables de non identificar ás persoas fisicas responsables de colocar ou pegar carteis nas fachadas dos edificios, muros, pedestais de esculturas, mobiliario, valados ou outros elementos similares fóra dos soportes externos autorizados.
Ademais incluiranse os apartados g) e h) no artigo 43.1 de la Ordenanza, que define os diferentes tipos de infraccións. Así, serán infraccións:
g) Colocar ou pegar carteis nas fachadas dos edificios, muros, pedestais de esculturas, mobiliario, valados ou outros elementos similares fóra dos soportes externos autorizados.
h) Non identificar ás persoas xurídicas ou físicas responsables de colocar ou pegar carteis nas fachadas dos edificios, muros, pedestais de esculturas, mobiliario, valados ou outros elementos similares fóra dos soportes externos autorizados.











