Vinte veciños de Frades e de Mesía participaron no curso dun certificado de aptitude profesional
Un total de vinte veciños e veciñas de Frades e de Mesía participaron nun curso de formación que lles permitiu obter o certificado de aptitude profesional (CAP) do transporte. Trátase dun carné necesario para o transporte de mercadorías ou de viaxeiros en calquera Estado membro da Unión Europea e que os veciños recibirán nos próximos días.
Os alumnos recibiron un total de 35 horas formativas, repartidas durante as dúas últimas fins de semana. O curso ten unha validez de 5 anos e foi impartido por especialistas da Autoescola COPACO.
Os Concellos de Frades e de Mesía organizaron este CAP do transporte diante das esixencias da Directiva 2003/59 do Parlamento Europeo do 15 de xullo de 2003, que establece unha cualificación inicial obrigatoria, independente da formación para a obtención do permiso de conducir, e unha formación continua para manter actualizados os coñecementos dos condutores de vehículos destinados a transporte de mercadorías ou de viaxeiros para cuxa condución se esixan os permisos C1, C1+E, C, C+E, D1 ou D1+E. Iso obrigaba a facer este curso a todos aqueles condutores que obtiveran o permiso de conducir de camión e/ou tráiler (C1, C, C+E e C1+E) antes do 11 de setembro de 2009 ou o permiso de autobús (D1, D, D1+E e D+E) antes do 11 de setembro de 2008.