Vilagarcía investirá 41.000 euros na mellora da área de xogos da Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local dará nas vindeiras semanas un novo pulo ao seu plan de mellora das áreas de xogo infantís no municipio. Nesta ocasión tócalle á zona de xogos que existe na propia praia da Compostela, é dicir, sobre o mesmo areal e non no parque, onde hai outra área.

A Xunta Local de Goberno tivo hoxe coñecemento da resolución da Deputación provincial pola que se outorgan preto de 41.500 euros para esa actuación, que basicamente consistirá en renovar algúns dos xogos xa existentes e a instalación doutros novos, incrementado así esa zona de lecer que é moi utilizada, non só en verán senón cando o bo tempo o permite no resto do ano.

Como queda dito, este investimento súmase aos preto de 90.000 euros que xa se dedicaron, tamén por convenio Concello-Deputación, á renovación e mellora das zonas infantís dos parques de Miguel Hernández e da Xunqueira. Paralelamente, e neste caso en convenio con Portos de Galicia, tamén foran mellorados os parques infantís da Alameda de Carril e do parque de Dona Concha en Vilaxoán. A intención do goberno local é continuar coa mellora de todos os parques do municipio, ben a través de convenios con outras institucións, ben con fondos propios.

10 de xaneiro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.