Vázquez Abad comproba as obras das instalacións do auditorio de Gondomar nas que se investiron 170.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+
Vázquez Abad na visita ao auditorio de Gondomar

Vázquez Abad na visita ao auditorio de Gondomar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o auditorio de Gondomar para comprobar o avance das obras de mellora das instalacións. A Consellería destinou un total de 170.000 euros para esta actuación.

As intervencións, que se están a facer en colaboración co concello de Gondomar, teñen como obxectivo reordenar o acceso exterior para facilitar un mellor servizo aos usuarios, onde se definirá ademais unha zona para carga e descarga. Así mesmo, acondicionarase o vestiario e os camerinos, ampliarase o escenario do auditorio e mellorarase o vestíbulo e platea.

O conselleiro percorreu as diferentes estancias do auditorio e explicou que esta actuación “enmárcase nunha aposta por parte da Consellería de Cultura e Educación para acondicionar e equipar as infraestruturas de carácter sociocultural que non se atopan en condicións óptimas para o seu uso e así conseguir que os distintos concellos de Galicia poidan ofrecer á poboación unha oferta sociocultural diversa e de calidade”.

Vázquez Abad asegurou que desexa que as obras se rematen cando antes e que “os veciños e visitantes de Gondomar disfruten e participen na multitude de actividades socioculturais que se programarán neste espazo”. Na súa visita, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e polo alcalde de Gondomar, Fernando Guitián.

21 de xaneiro de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.