publicidade hoxe

Val do Dubra comeza a reparación da súa infraestrutura viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra iniciou a reparación das súas estradas interiores. As obras xa comezaron nunha das vías que une a estrada de Santiago a Carballo coa que dá saída á vía que conecta Portomouro e Santa Comba. Esta vía, de pouco máis de cinco quilómetros de lonxitude, dá servizo a poboacións como Bascuas, Maxais, Gontar e Ínsua. A construtora Agra Castro é a encargada de acometer o proxecto, que estará listo nas próximas semanas. As obras desta vía consisten na reparación de fochancas e perfilado de mordentes. A estrada contará cun novo ancho de 4,5 metros con grava e tratamento asfáltico semiprofundo nunha porcentaxe estimada dun 2 por cento da plataforma. Esta vía tamén será sometida a tratamento asfáltico superficial e rega.

O Concello de Val do Dubra prevé investir máis de 200.000 euros do Plan de Obras e Servizos na mellora da súa infraestrutura viaria. En total acondicionará e reparará un total de 41,3 quilómetros das súas vías. Os proxectos están centrados, principalmente en traballos de reparación de fochancas, asfaltado, limpeza de cunetas e acondicionamento xeral das vías de comunicación do Concello de Val do Dubra. Na maioría dos casos tamén se contempla a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe das vías. As obras desenvolveranse en infraestruturas da maioría das parroquias de Val do Dubra. O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destaca que estas actuacións pretenden mellorar a rede viaria do Concello de Val do Dubra para que os veciños poidan contar cunhas infraestruturas en condicións que dinamicen a economía do municipio.

29 de xaneiro de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.