Uns 200 amienses asisten ás clases da Escola Municipal de Música de Ames
A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) acolle durante este curso 2013-2014 a un total de 195 alumnos e alumnas, entre os que se atopan nenos e adultos que aprenden distintas especialidades musicais. As clases, que se imparten polas tardes de luns a venres en Aldea Nova, comezaron a mediados do mes de setembro e rematan a finais de xuño. As clases da EMMA están dirixidas a veciños e veciñas empadroadas no Concello e que conten cunha idade de 4 anos en adiante, sen límite. A escola leva funcionando dende hai case dez anos como un centro de promoción e formación da cultura musical no municipio tentando ser a base de futuras formacións musicais que se creen en Ames.
Nos últimos anos, a Escola de Música de Ames rexistrou un incremento progresivo do número de alumnos/as, unha circunstancia que vén motivada pola mellora da calidade do proxecto musical que se imparte. Unha das melloras introducidas é a aposta polas actividades colectivas e pola formación en grupo. De feito, nos últimos dous anos puxéronse en marcha novas experiencias como a creación de varias orquestras (frauta, saxofón ou violíns), dun grupo mixto formado por alumnos/as de varias especialidades e de combos centrados na música moderna e actual.
O obxectivo é avanzar no impulso da música en grupo, algo que permite aos alumnos/as medrar musicalmente, compartir experiencias e relacionarse entre eles. A posta en marcha deste completo programa musical permitiu dotar ás ensinanzas que se imparten na EMMA dunha maior calidade.
Para os máis pequenos, con idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos e que non poden comezar aínda cun instrumento musical, están dirixidas as clases de Música e Movemento, que contan con 32 alumnos/as. Esta materia, que supón unha iniciación á música, impártese dous días á semana. Para os alumnos/as de 7 anos en adiante, e sen límite de idade, están pensadas as clases de instrumento e linguaxe musical, ás que asisten 167 persoas. Neste grupo de disciplinas inclúese o canto, a guitarra, o violín, a batería/percusión, a frauta, o saxofón e o piano.
A maioría dos alumnos/as matriculados en clases de instrumento tamén o están en Linguaxe Musical (sobre 100 persoas). Para os alumnos/as que rematan Linguaze Músical está a materia que se chama Música na Práctica, que supón o complemento didáctico idóneo para aqueles alumnos/as que, contando xa con uns coñecementos adquiridos, queren profundizar na música en si.
Clases grupais
Ademais destas materias, na EMMA impártense clases grupais de combo, coro, orquestra de frautas e saxos ou grupo de violíns. Estas disciplinas son gratuítas e para poder participar nelas hai que estar matriculado/a na Escola Municipal de Música de Ames e contar cos coñecementos previos. Son os profesores destes grupos os que avalían que alumnos/as poden participar. Ao longo do curso fanse varios concertos, entre os que destacan o Concerto de Entroido, que este ano será o venres 28 de febreiro, na Casa da Cultura de Milladoiro e o de fin de curso, que será o venres 20 de xuño na Casa da cultura de Bertamiráns.
As matrículas soen facerse no mes de xuño, nun prazo establecido, que se publicita con cartelería específica e na web do Concello de Ames, e adxudícanse por sorteo público ao que é preciso asistir.











