Universidade da Coruña e Ferrol organizan charlas informativas sobre o programa de convivencia interxeracional “Comparte”
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, e a Universidade da Coruña (UDC), organizan unhas charlas informativas sobre o programa de convivencia interxeracional “Comparte”. Esta proposta, posta en marcha pola Administración ferrolá e o organismo universitario e pioneira en Galicia, pretende dar resposta tanto as necesidades de compañía e apoio das persoas maiores, como ás necesidades de aloxamento dos estudantes universitarios. Así, o programa “Comparte” está dirixido as persoas xubiladas maiores de 60 anos e menores de 85 que vivan soas e sexan autónomas por si mesmas; e aos estudantes universitarios matriculados nunha titulación do campus de Ferrol tanto nun grao, mestrado ou doutoramento maiores de 18 anos e menores de 35 que non sexan residentes no municipio ferrolán.
A primeira charla informativa para dar a coñecer este programa de aloxamento interxeracional terá lugar o vindeiro martes, día 28 de xaneiro, ás 12:00 horas na aula 2.1. do Edificio de Apoio ao Estudo, situado no campus universitario de Esteiro. Esta conferencia estará orientada principalmente ao alumnado da Universidade Sénior de Ferrol. Así mesmo, a segunda charla informativa sobre “Comparte” se celebrará o vindeiro venres, 31 de xaneiro, ás 12:30 horas nas Aulas da Terceira Idade ATEGAL, situadas na rúa Galiano nº 17 primeiro andar. Nesta ocasión, a conferencia estará dirixida ao alumnado que acode a estas aulas. Ámbalas dúas charlas que ofrecerán información sobre este programa de convivencia interxeracional serán impartidas por unha técnica municipal da área de Benestar Social e unha técnica da UDC.











