Unha trintena de centros educativos coruñeses recibirán axudas para promover o consumo de froita fresca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Fondo de Garantía Agraria destinará unha partida de preto de 23.000 para promover o consumo de froita fresca entre o alumnado da provincia da Coruña. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das achegas, das que se beneficiará unha trintena de centros escolares coruñeses.

O plan, que se leva a cabo a través da Consellería do Medio Rural e do Mar e o Fondo Galego de Garantía Agraria e conta coa colaboración das Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade diríxese aos alumnos e alumnas de Educación Infantil de segundo ciclo, de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria. Así, o programa consistirá nunha axuda por alumno e alumna e día lectivo para a distribución de froita fresca no recreo, durante períodos de cinco días lectivos consecutivos. A duración desta iniciativa virá determinada polo propio centro escolar, que elaborará a proposta.

O obxectivo deste proxecto é promover unha alimentación saudable desde a infancia, polo que as froitas deberán ser preferentemente froitas frescas de tempada obtidas en Galicia empregando sistemas de produción sustentables e deberán ser de excelente calidade e óptimo grao de madureza. Do mesmo xeito, desde o departamento autonómico tamén se convocan anualmente axudas para o subministro de leite e determinados produtos lácteos aos alumnos.

15 de xaneiro de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.