Un total de 34 alumnos participarán na fase local da Terceira Edición do Clube de Debate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
O rexedor de Ferrol cos participantes no Clube de Debate

O rexedor de Ferrol cos participantes no Clube de Debate

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu hoxe na Casa Consistorial aos alumnos e alumnas participantes no  III Club de Debate que organiza a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, conxuntamente cos servizos de normalización lingüística de Ames, Carballo, O Carballiño, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. O debate da fase local en Ferrol terá lugar o vindeiro 29 de marzo no salón de actos do Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero. A cidade naval tamén acollerá a final desta edición.

A concelleira de Normalización Lingüística, Martina Aneiros Barros tamén estivo presente na recepción desta mañá, que coincidiu coa celebración da xornada de formación que tivo lugar hoxe, dende as 09:00 horas até as 13:00 horas, no salón de actos do Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero. O obxectivo desta xornada é  dar a coñecer as normas, tempos, estrutura e a dinámica de funcionamento do certame así como formar ao alumnado participantes -todos eles de 4º de ESO ou 1º de Bacharelato- en técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais. Un total de 4 equipos, compostos por 34 alumnos/as e tres preparadoras inscribíronse nesta terceira edición do Club de Debate. Os equipos pertencen aos IES Saturnino Montojo (1 equipo e 10 alumnos/as), IES Leixa (1 equipo e 10 alumnos/as) e o CPR Compañía de María (2 equipos e 14 alumnos/as). Estes equipos debaterán o vindeiro 29 de marzo sobre o seguinte tema: “Vivimos realmente nun país de corrupción”. O equipo gañador desta fase local do III Club de Debate recibirá un vale por importe de 500 euros e pasará á fase final que terá lugar en Ferrol o sábado 26 de abril, mentres que o segundo clasificado obterá outro agasallo, valorado en 300 euros. O tema da final será: “Pódese vivir en galego”; e o equipo gañador recibirá de premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.

O obxectivo desta iniciativa é impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. O Club de Debate procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

28 de xaneiro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.