Un programa de inclusión social de Cáritas para máis de 30 persoas será financiado por Benestar con 28.600 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 28.600 euros para o desenvolvemento dun programa de Cáritas Santiago para fomentar a inclusión no mercado de traballo de máis de 30 persoas en situación ou risco de exclusión social. En concreto, a delegación deste entidade na capital galega recibiu en 2013 preto de 140.000 euros, o que supuxo un incremento de máis do 50 por cento con respecto a 2012.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, entregou hoxe en Santiago os diplomas aos participantes desta iniciativa, dividida en dous cursos: un de camareiro de andares e outro de dependente caixeiro de supermercado.

González lembrou que no ano 2013 o departamento autonómico apoiou o labor de Cáritas con máis de 880.000 euros a través de distintas liñas que inclúen o concerto de prazas para menores, mantemento de actividades, fomento da inclusión, cursos de formación, plans de cooperación, programas de xuventude e voluntariado, e o convenio de apoio ás familias monoparentais.

Así mesmo, a directora xeral de Familia e Inclusión referiuse ao compromiso da Xunta cos máis necesitados e lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar vén de aprobar a Lei de Inclusión de Galicia. Esta normativa, que entrou en vigor este mes, busca potenciar a inserción laboral do colectivo con risco de exclusión para evitar que estas situacións se cronifiquen no tempo.

Este compromiso plasmouse tamén nos orzamentos deste ano 2014, nos que as partidas globais de inclusión social ascenden a 59,2 millóns de euros, isto é, un 13,6% máis que nos orzamentos do 2013.

Así mesmo, o departamento autonómico segue ampliando ano tras ano o orzamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), á que se destinará este ano unha partida inicial de 39,7 millóns de euros, un 21,4% máis que en 2013, co fin de dar resposta ás persoas que máis o precisen.

15 de xaneiro de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.