Un libro cd recollerá temas baseados na obra de Rosalía de Castro baixo o título “Nas tardes escuras”
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca apoia a edición do libro cd “Nas tardes escuras”, co que se rende homenaxe a Rosalía de Castro, interpretando e musicalizando os seus poemas, e que foi presentado hoxe no teatro Colón da Coruña.
Na publicación, coa que se continúa a homenaxear a autora galega da que se cumpriron 150 anos de “Cantares Gallegos” faise unha interpretación desta obra cunha linguaxe electrificada do rock, cunha visión contemporánea e enérxica dos textos da poetisa e completa as súas páxinas con ilustracións asinadas polo debuxante Fausto.
No acto estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou que “a Consellería colabora na realización desta publicación, que terá unha segunda edición, e que achega a lingua galega especialmente para mozos/as e adolescentes mediante textos de tanta permanencia e importancia para o galego como son os de Rosalía de Castro. Todo isto está conseguido con éxito a través da música de Narf”. “Unha vez máis queda demostrado que as creacións da poetisa galega permanecen no tempo e son fonte de inspiración constante para todas as xeracións”, recordou o representante da Consellería de Cultura e Educación.
Presentación oficial
A presentación oficial do libro disco “Nas tardes escuras”, editado por “El Patito Editorial”, completouse cunha mostra de actuación a cargo de Narf, que interpretou algúns dos doce títulos que compoñen a publicación e entre os que se atopan “Tal como as nubes”; “Amores cativos”; “Follas Novas”.
O disco completo, no que se mostra o diálogo entre o artista e a obra de Rosalía de Castro, será dado a coñecer este venres ás 20,30 horas neste mesmo escenario. Un concerto que da continuidade as actuacións que xa se realizaron en Santiago, Pontevedra, Vigo ou Ferrol. Unha xira na que Fran Pérez está acompañado polo batería L.A.R. Legido e polo baixo “HO CHI MING” Alberte Rodríguez.











